As mulleres de Castelo, protagonistas dun documental

As veciñas máis maiores de Castelo atópanse estes días traballando nun proxecto documental colaborativo que persegue recuperar o valor comunitario de reunirse para conversar como factor necesario para revitalizar as poboacións rurais. Hadriana Casla, do colectivo Grigri Projects, é a responsable deste proxecto que botou a andar este mes e que se desenvolverá en diferentes fases ata o ano que vén.

Cofinanciado coa Fundación Paideia Galiza, este traballo busca poñer en valor unha etapa da vida, a vellez, na que gardamos experiencia e sabedoría creando un espazo de encontro e un hábito de falar e compartir vivencias e reflexións sobre aquilo que nos fai felices. Trátase, en palabras da súa impulsora, de recoller estas ideas como un conxunto de ferramentas para o bo vivir.

O documental é un proceso colaborativo no que as persoas que participan, a partir dunhas ideas concretas nacidas nas reunións, grabarán vídeos, audios… Unha terceira parte constará de entrevistas para afondar máis nas historias destas mulleres. O proxecto pretende ser un proceso de escoita no que atopar solucións, camiños e recursos dos que falar e traballar por obter un resultado que derive nunha mellor experiencia vital.

O resultado do proxecto poderá verse na próxima edición do Castelo Conta, antes Hadriana pasará polos Contos de Castelo para contarnos máis deste proxecto e contar a súa experiencia durante o proceso.

X