A semana máis esperada xa esta practicamente aquí e en Castelo está todo preparado para que veciños, veciñas e visitantes desfruten da festa que lle deu a volta á festa. A última semana de agosto non dará nin un respiro a quen queira enchouparse de risos, música, espectáculo, historia e todo o que poida acontecer nun lugar tan máxico como é este que vive ao pé do Monte Xalo. A tradición toda darase cita coa vangarda aínda que, no Castelo Conta, o antigo e o moderno non é que convivan, é que son unha mesma cousa. Por iso DJ Mínimo pecha a noite do sábado antes de que os gaiteiros ergan a persiana do domingo cunha alborada, ou por iso en lugar de tocar o Combo Dominicano veremos o Combo Viramundo.
Os primeiros en chegar serán os participantes do obradoiro impartido por Noemi Rodríguez Fai o teu e a Xente Miúda para, xa á tarde, xuntarse todo o mundo arredor dos Contos de Castelo. Estes encontros, nos que coñecemos como era o mundo de antes e como foi cambiando a través das voces dos nosos maiores, reedítanse verán tras verán, cunha novidade desta volta: os contos transformaranse nun programa de pódcast para saír así das fronteiras da parroquia.
No Día Grande, Castelo volverá encherse de humoristas para, posiblemente, ser o lugar da terra con máis cómicos e cómicas por metro cadrado. Xunto a Touriñán, que conduce un ano máis a Noite dos Monólogos, estarán Pepo Suevos, Rober Bodegas, David Amor, Lucía Veiga, Marita Martínez, Javier Veiga, Noemi Rodríguez, Patricia Castrillón, Federico Pérez e David Perdomo. Para rir vai haber moitísimas máis ocasións, comezando pola Corentena do xoves, espectáculo no que Touriñán e Perdomo retomarán o humor virtual do confinamento pero sen pantallas nin distancias de seguridade de por medio.
Música haberaa todos os días: Xabier Díaz, DJ Russ, Susana Seivane, Belém Tajes, Familia Caamagno, Salamandra, Miguel Lamas Quartet… Achegarse á parroquia é un convite a bailar, en especial a noite do venres na que actuarán o Combo Viramundo, Muchachito One Man Band e Lamatumbá, concertos para os que, de momento, aínda quedan entradas, igual que para Corentena e para a Noite dos Monólogos.
O cine ao aire libre é un clásico do verán e en Castelo tampouco falta o audiovisual. Á súa volta da viaxe por diferentes festivais europeos, a curtametraxe Nena estréase o mércores á tardiña coa presenza dos seus protagonistas, Antía Touriñán, Carlos Blanco, David Perdomo e Touriñán, máis da autora da música orixinal, Belém Tajes. No mediodía do venres chegaralle o turno ao adianto de Bechos, a nova serie de animación da Televisión de Galicia dirixida aos cativos máis cativos.
No pouco que queda para dar comezo á semana grande de Castelo o recomendable é coller forzas. Unha vez chege o mellor é non perder cousa.