O Castelo Conta é unha gran festa que require o esforzo e o traballo coordinado de moitas persoas. Un lugar con pouco máis de 250 habitantes acolle nesta semana que dura o festival ao redor de 10.000 participantes. Para poder facer isto, respectando o lugar onde vivimos e coidando do medio natural, é precisa unha planificación minuciosa e moito, pero moito traballo da veciñanza e persoas implicadas na organización.
A Comunidade de Montes de Man Común de Castelo ademais de coidar e manter vivo o noso monte todo o ano, colabora co festival cedendo os espazos do monte comunal, limpando os terreos que servirán de aparcadoiros, despexando e acondicionando as pistas polas que transcorrerán as andainas… Así como participando en accións formativas e de sensibilización medioambiental cos participantes da Xente Miúda.
Castelo Deporte, pola súa banda, colabora aportantando e coordinando ás máis de cen persoas voluntarias que axudan nas tarefas de loxística, sinalización, organización dos espazos… Tamén colaboran coa organización da andaina e con toda a loxística que implica ter localizacións nas diferentes aldeas da parroquia.
A Asociación Cultural Castelo Conta é a organizadora do festival e quen coordina a programación, os espazos e obtén o financiamento preciso para que sexa posible realizar cada ano o festival. Os membros da asociación tamén axudan na organización, na preparación dos espazos e xantares.
Xuntas, as tres asociacións unen á práctica totalidade da veciñanza de Castelo e fan que a festa sexa de todo o mundo. Do 21 ao 27 de agosto veciñas e veciños acollen nas súas casas os espectáculos e actividades do festival e colaboran con todo o que fai falta para que saia adiante un dos festivais máis singulares de Galicia.
Na imaxe podemos ver de esquerda a dereita a Jesús Ángel Ferreño, presidente da Comunidade de Montes de Man Común de Castelo; Antonio Fero, presidente da Asociación Cultural Castelo Conta e María Jesús Reboredo, presidenta de Castelo Deporte. Entre todas e todas, seguimos construíndo o festival máis fermoso que podemos cada ano.