Unha oportunidade única para ver o Combo Viramundo

O grupo composto por Xoel López, Fernando Lamas, Adrian Seijas, Luis Soler e Amanda Pinos abrirá a noite de concertos do venres 25 de agosto. Música latina, pop e rock desde os 80 á actualidade… o Combo Viramundo é unha viaxe polos sons e melodías favoritas dos integrantes desta banda que é o que popularmente se chama “un segredo a voces”. Non son moitas as actuacións que ofrecen, é un proxecto nacido para experimentar e pasalo ben sobre os escenarios. E que mellor sitio que Castelo para pasalo ben?

Os seus concertos, sempre acaban sendo unha festa grazas a un repertorio que vai variando cada actuación, en función das músicas que nese momento teñan máis ganas de levar ao seu terreo e compartir co público. Así, temas de Mecano, Juan Luis Guerra ou The Smiths son protagonistas habituais dos seus concertos nos que sempre aparece algunha nova versión. E é que ese espírito de compartir a música que a un lle gusta é fundamental para eles, vivir a música como algo comunitario e de disfrute.

Todo é diferente en cada concerto do Combo Viramundo, ata deseñan un cartel único para cada concerto, Rebeca Losada é a autora deste do Castelo Conta.

O Combo Viramundo arrincará na Polideportiva o venres 25 ás 22.00 horas a noite de concertos, Muchachito One Man Band e Lamatumbá completan a noite máis musical desta edición. As entradas para os tres concertos están á venda na web e nos puntos de venda físicos.

X