O sábado 26 é o Día Grande do Castelo Conta, unha longa xornada que comeza ao xantar e remata de madrugada. Logo da andaina, unha vez ceados, arrinca a tradicional noite de monólogos, espectáculo que é a orixe do que hoxe en día é o Castelo Conta.
Presentada por Touriñán, este ano participarán David Amor, Pepo Suevos, Marita Martínez, Lucía Veiga, David Perdomo, Federico Pérez, Patricia Castrillón, Noemi Rodríguez e Rober Bodegas. A noite de monólogos é xa un clásico no que os mellores cómicos e cómicas do pais mesturan as súas actuacións con dinámicas de impro e cao música. Ao rematar as actuacións, a festa continúa coa música de Salamandra e DJ Mínimo para que a festa non pare!
As entradas están á venda na web e nos puntos de venda físicos do festival. Se queres pasar o día enteiro en Castelo, lembra que os tíckets para o xantar, a andaina e a cea véndense á parte, estando dispoñibles tanto nos puntos de venda físicos como na web.