A do xoves foi outra longa xornada no Castelo Conta. A mañá comezárona as participantes no obradoiro ‘Fai o teu’, quen continúan traballando en Tabeaio con Noemi Rodríguez. Os miúdos aprenderon a plantar limoeiros e pebidas de cabaza dentro dos obradoiros de autocultivo e avanzaron no espectáculo musical que presentarán hoxe ás 13.00 horas.
Mentres na Polideportiva se facían os últimos axustes e probas de cara á noite, no Campo da Capela David Amor collía os mandos dos Contos de Castelo para falar das festas, das lendas, das crenzas… e tamén das comidas, porque é difícil que non saia o tema unha vez comezas a falar. As veciñas e veciños achegáronnos unha chea de historias e casos de xente que curou (ou non) logo de ir ao San Bieito ou ao San Ramón, das sobremesas que se facían en cada festa ou dalgunha cousa algo estraña que lles aconteceu. Acompañaron a David nesta tarde Xosé Leis, Tone Martínez e Xosé A. Touriñán.
Á noitiña, comezaba a soprar o vento que anunciaba que a auga estaba a chegar. A noite abriuna Russ cunha sesión de electrónica que deixou moi arriba o ambiente e xa anunciaba a gran noite que comezaba. Case que 1.600 persoas encheron a Polideportiva para desfrutar de ‘Corentena’, o espectáculo que Perdomo e Touriñán trouxeron ao escenario logo do éxito que tiñan as súas conversas en directo por Instagram durante o confinamento de 2022. Os dous cómicos ofreceron hora e media de risas continuas cun espectáculo no que a improvisación ten moito peso e que nunca é igual. A conexión co público, tan importante neste tipo de comedia, foi total.
Para rematar o día, a Familia Caamagno trouxo a súa enorme enerxía e non nos resistimos a bailar os himnos festeiros dos de Sigüeiro. Que mellor forma de pechar o día que bailando e compartindo as ganas de festa? Hoxe venres, continuamos con máis contos, sorpresas para os miúdos e moita, moita música!