O sábado do Castelo Conta deixou que veciñanza e festeiros descansasen ata a hora do xantar, na que non podía faltar unha churrascada coa que coller folgos para a andaina máis particular entre as que hai. Esta actividade percorreu o Monte Xalo a ritmo de gaiteiros e da charanga Mil9 ata chegar ao cumio, onde agardaba Abraham Cupeiro. Alí, o músico lugués ofreceu un concerto cos instrumentos milenarios que reconstrúe a partir da documentación conservada. Os sons dos instrumentos invadiu as fragas do Xalo, cheas de veciños e visitantes que subiron ao monte.
De volta no Campo da Festa, ceamos para coller forzas para unha noite espectacular de risas e música. No escenario da Polideportiva, Miguel Lamas Quartet abrían a noite para as máis de 1.800 persoas que esgotaron todas as localidades. Jazz, funk e soul para abrir boca e deixar a enerxía ben arriba para o comezo do esperadísimo Espectáculo de Monólogos. Xosé A. Touriñán conduciu a noite na que participaron Pepo Suevos, David Amor, Noemi Rodríguez, Lucía Veiga, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Federico Pérez, David Perdomo, Javier Veiga e Rober Bodegas.
A noite non remataba aí, Salamandra e DJ Mínimo continuaron a festa ata ben tarde. Moito baile, moita festa e moi bo ambiente nun día grande que, coma sempre, deixou ganas de máis. Hoxe despedimos o Castelo Conta, coa sesión vermú que amenizará Son Boleros. O ano que vén, máis contos, máis música e máis festa na festa que lle deu a volta á festa.