Venres de música e estreas en Castelo

A xornada do venres deixounos o remate de ‘Fai o teu’, coa posta en práctica das alumnas e alumnos do aprendido durante a semana con Noemi Rodríguez. Finalizaba tamén a Xente Miúda e facíao da mellor maneira posible, coa actuación dos miúdos. Estrearon a canción que estiveron practicando toda a semana con Pablo del Valle, vimos o resultado do mural do Campo da Capela que fixeron con Pablo Haensel e as camisolas estampadas coa mascota da Xente Miúda que deseñaron con Julia Abalde. Tamén tiveron a oportunidade de ver en primicia o primeiro capítulo de Bechos, a nova serie de animación da Televisión de Galicia que nos presentaron Alba Mancebo, do departamento de Contidos Dixitais da TVG e Xosé A. Touriñán, director do Castelo Conta. Puxo o peche a esta mañá festiva A Gramola Gominola.

A tarde comezaba no Campo da Capela, coa última sesión dos Contos de Castelo, conducidos nesta ocasión por Nacho Carretero e Arturo Lezcano. Os xornalistas falaron coa veciñanza sobre a emigración. Escoitamos historias sobre a emigración a Europa, a América Latina e tamén da inmigración da man de Natalia Monje, da ONGD Ecos do Sur. Coñecemos moitos testemuños directos e tamén houbo tempo para rir e para coñecer as partes positivas de marchar do lugar onde naciches.

Finalizados os Contos, trasladámonos á Polideportiva, onde vivimos a gran noite de música desta edición. Máis de 1.500 persoas xuntáronse para gozar bailando cunha proposta variada en estilos pero cun espírito común de crear comunidade a través do baile. Russ, DJ residente do Castelo Conta, abriu a dúo na mesa con Artur M Puga, con eles bailamos ritmos tradicionais, tropicais e electrónica nunha sesión dividida en tres partes ao longo da noite. A continuación, o Combo Viramundo con Xoel López, Fernando Lamas, Adrián Seijas, Luis Soler e Amanda Pinos ofreceron un recital de versións de temas desde Serrat a Juan Luis Guerra, pasando por Mecano e sempre cun pouso latino e moitas ganas de bailar. Seguiunos Muchachito One Man Band, o barcelonés contaxiou a súa enerxía ao público que non baixou a intensidade nas máis de cinco horas de música que tivemos. Pecharon a noite Lamatumbá, que desde o primeiro minuto xa deixaron claras as súas intencións, o grupo ourensán regresaba aos escenarios logo de 20 anos e, como a eles, xa nos tardaba.

Hoxe arrincamos o Día Grande do Castelo Conta aínda con enerxía para subir ao Xalo e gozar coa noite de troula que temos preparada no escenario da Polideportiva.

X