Castelo nunca defrauda

Acabou o Castelo Conta e non podemos estar máis satisfeitas e satisfeitos co traballo feito. Durante toda a semana, tivemos actividade desde primeira hora da mañá ata ben entrada a madrugada. A cativada pasouno en grande na Xente Miúda, deseñando as súas propias camisolas, pintando, sementando, xogando… memos coñeceron a Xurxo, un dos protagonistas de Bechos, a nova serie para primeiros espectadores da Televisión de Galicia.

Os Contos de Castelo adaptáronse ao formato podcast nunha aposta por dar maior visibiliade ao traballo feito todos estes anos na recuperación da memoria oral da parroquia. Marga Pazos, Moncho Viña, Alfonso Hermida, Carlos Blanco, David Amor, Arturo Lezcano e Nacho Carretero compartiron as tardes coa veciñanza nunha iniciativa pioneira que ofrece un espazo de encontro e dá voz as persoas que gardan aquelas historias e saberes que non atopamos reflictidos noutro medios. Nesta edición tamén contamos co traballo que Hadriana Casla está a facer coas mulleres de Castelo, que tamén participaron nos Contos de Castelo e confirmaron que teñen moito que contar, o que non tiñan era un espazo seguro no que facelo.

As casas dos nosos veciños acolleron grandes momentos como o concerto de Xabier Díaz, quen días despois de encher a praza de María Pita nas festas da Coruña, encheu a Eira de López, en Castelo de Abaixo, nun concerto moi especial no que compartiu historias e lendas cos asistentes nunha noite que daba unha pouca tregua á calor abafante que sofremos na xornada do luns. O martes, o turno foi para Susana Seivane. Acompañada por unha banda de formato reducido, a gaiteira montou unha foliada espectacular en Vilaverde, na que ninguén se resistiu a bailar e cantar ao ritmo da muiñeira, a xota ou o que lle botasen! Rematou a noite Russ, cuxa electrónica de baile semellou chamar pola treboada que asomou segundos despois de que a compostelá rematara o seu set electrizante.

O mércores vivimos unha xornada moi emotiva coa presentación na Eira do Ferrador, en Xalo, de Nena, curtametraxe dirixida por Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias. Non cabía unha persoa máis no cinema ao aire libre que alí instalamos, Touriñán, emocionado, agradeceu aos seus veciños o apoio e traballo para sacar adiante un festival que non sería posible sen a implicación de toda a parroquia. A continuación, Sase, veciño e membro da comisión de festas, regalounos unha canción para todas aquelas nais que xa non están, encollendo o corazón a todo o público alí presente. Para pechar tan emotiva noite, Belém Tajes levounos de viaxe a través das súas músicas.

A xornada do xoves apareceu a auga de novo, pero non desluciu unha noite espectacular que comezou con 1.800 persoas enchendo a Polideportiva para rir coa Corentena, de Perdomo e Touriñán. Hora e media de gargalladas e humor sen filtros nunha noite que pecharon maxistralmente Familia Caamagno, conquistando ao público co seu ritmo frenético e enerxía inesgotable.

A noite máis musical tivo lugar o venres, con Russ e Artur M. Puga mantendo a chama do baile acendida toda a noite; co Combo Viramundo de Xoel López marabillando aos asistentes coas súas versións imposibles; coa enerxía e talento innato de Muchachito e coas ganas de Lamatumbá, quen ofreceron case dúas horas de festa, música e baile. Xa nos tardaba unha noite así en Castelo!

O Día Grande vivimos todas as climatoloxías posibles. Xantamos baixo un sol implacable, subimos ao Xalo con nubes, deleitámonos con Abraham Cupeiro á sombra dunha carballeira, enchoupámonos baixando polas pistas ata o campo da festa e pasamos algo de frío á noite. Aínda así, a comedia e a música axudaron a sobrepoñernos. Miguel Lamas Quartet abriron a noite co seu jazz funk eléctrico e elegante para deixar paso ao humor de Xosé A. Touriñán, Pepo Suevos, David Amor, Noemi Rodríguez, Lucía Veiga, Marita Martínez, Patricia Castrillón, David Perdomo, Javier Veiga, Federico Pérez e Rober Bodegas. Pecharon a noite Salamandra, coas súas versións de clásicos do rock e DJ Mínimo, quen aguantou a festa ata que xa asomaba o sol por tras do Xalo.

Rematamos o domingo, co vermú amenizado por Son Boleros e o cansazo acumulado durante toda a semana que se xuntaba á ledicia de ter compartido con máis de 10.000 persoas unha semana incrible en Castelo. Xa queda menos para a seguinte edición. Vémonos no 2024!

X