A Eira do Ferrador acolle unha noite de cinema ao aire libre

Nena é a primeira curtametraxe que escribe e dirixe Xosé A. Touriñán. Un traballo que nace dunha historia que levaba tempo querendo contar e que finalmente chega ao público neste 2023. Para contala, o director rodeuse da familia e dos amigos, un xeito de facer que outorga unha calidez especial grazas á complicidade que mostran os protagonistas en pantalla. Antía Touriñán é a protagonista dunha historia sobre a perda e os afectos e como ás veces as nenas e nenos teñen que cargar con responsabilidades que non lles son propias para a súa idade. O reparto complétano Carlos Blanco, David Perdomo, Noemi Rodríguez, Rubén Prieto, Andrés Mahía, Patricia Castrillón e Sergio Zearreta, ademais do propio Touriñán.

A curtametraxe, que está colleitando premios en festivais especializados, estrearase en Castelo coa presenza dos protagonistas e o equipo da rodaxe. Será o mércores 23 a partir das 20.30 horas na Eira do Ferrador (Xalo).

Ao rematar a proxección, Belém Tajes, compositora da banda sonora da película, ofrecerá un concerto na Eira do Ferrador para completar unha noite de estrea en Castelo.

X