Orixinalidade e frescura é ao que ten acostumado Susana Seivane ao seu público. Dende moi pequena demostrou que estaba destinada á música, pois con 3 anos xa tiña unha gaita entre as súas mans. Con este comezo tan temperá, xa son 40 anos os que leva apegada á tradición musical. Colleu o relevo dunha familia ligada á gaita, sendo seu pai e o seu avó gaiteiros e artesáns, e deles herdou o seu amor pola música tradicional.
A artista non deixa de sorprender rodeándose de xente que aporta unha nova perspectiva á cultura tradicional. Nas súas costas cóntase un milleiro de concertos en máis de 20 países, demostrando que a cultura galega non ten fronteiras.
Susana Seivane chega ao Castelo Conta en pequeno formato para ofrecer un espectáculo único en Vilaverde. O concerto, de entrada libre, terá lugar o martes 22 a partir das 21.00 horas.