Este ano, subimos ao Monte Xalo

O sábado 26 de agosto é o Día Grande do Castelo Conta, unha xornada chea de actividades e espectáculos na que celebramos a nosa andaina. Nesta ocasión, unha vez rematado o xantar, percorreremos os sendeiros e camiños que conducen ao cumio do Monte Xalo. O traxecto estará amenizado pola música da charanga Mil9 e ao bo ambiente que é habitual nesta xornada, sumarémoslle a oportunidade de desfrutar dunha paisaxe espectácular e a mellor vista panorámica da comarca coruñesa.

No alto estará agardando Abraham Cupeiro. O músico lugués ofrecerá un concerto nun escenario natural impresionante acompañado dos seus instrumentos milenarios. Rematada a música, baixaremos de novo para repoñer forzas ceando, xa que ás 22.30 horas dará comezo a Noite de Monólogos conducida por Xosé A. Touriñán na que poderemos gozar co humor de David Amor, Lucía Veiga, Marita Martínez, Federico Pérez, Pepo Suevos, Noemi Rodríguez, David Perdomo, Patricia Castrillón e Rober Bodegas. A noite continuará coa música de Salamandra e DJ Mínimo, para que non acabe a festa!

Podes anotarte á andaina e mercar os tíckets para o xantar e a cea aquí ou nos puntos de venda físicos do festival. Para os monólogos tamén podes conseguir as túas entradas en Ainé (A Coruña), Q! Impresión (O Burgo) ou no Local Social de Castelo.

X