O luns arrincamos o VIII Castelo Conta e non puido ser de mellor maneira. Pola mañá, Noemi Rodríguez comezaba o seu obradoiro de creación escénica ‘Fai o teu’, no Local Social Xente Nova de Tabeaio e a Xente Miúda botaba a andar no Campo da Capela de Folgueira. A cativada aprendeu a deseñar personaxes a partir de elementos da natureza con Julia Abalde e a facer música con obxectos reciclados con Pablo del Valle.
Xa pola tarde, e cun día de moitísima calor, trasladámonos a Castelo de Abaixo, á Eira de López, onde comezaron os novos Contos de Castelo, convertidos agora nun podcast que na xornada do luns conduciu Marga Pazos xunto con Tone Martínez e Xosé Leis. As mulleres foron protagonistas dunha tarde chea de emoción, na que escoitamos de primeira man as súas historias, que veremos reflictidas nun documental no que está a traballar Hadriana Casla. Xabier Díaz participou no tramo final do programa, e pechouno regalándonos unha canción en directo desde o set dos Contos de Castelo.
Continuaba a tarde e seguía enchéndose a Eira de López, agora para rir con Ghazafelhos e o seu ‘As minas do rei Salomón’, co que viaxamos á África das películas de aventuras dos anos cincuenta sen saír da sombra dos hórreos de Castelo de Abaixo.
Non se colgou na porta o cartel de non hai billetes porque o acceso era libre e porque non hai porta na que poñelo nunha casa que sempre está aberta para o festival e os veciños. O pendello da Eira de López acolleu un dos momentos máis especiais desta edición, Xabier Díaz compartiu co público de Castelo unha noite inesquecible, viaxando polo seu repertorio e contaxiando a emoción a todas as persoas que se achegaron a desfrutar dunha noite de verán inigualable.
Pechou este inicio de festival Russ, quen nos acopañará durante toda a semana cunha proposta moi variada de electrónica de baile para que non pare a festa!