Chegamos á metade do festival e no día de onte tivemos unha tarde de cine. E é que logo de dous días de moita calor na que tivemos que atrasar o inicio dos Contos de Castelo e buscar as sombras para soportar a forza do sol, a do mércores foi unha tarde na que puidemos respirar novamente. O día comezaba novamente en Tabeaio, coas participantes en ‘Fai o teu’ traballando con Noemi Rodríguez para sacar o espectáculo que levan dentro. A cativada da Xente Miúda estivo pintando un puzzle xigante cun debuxo feito por Andrés Haensel e, logo da parva, continuaron cos ensaios para a gran actuación do venres.
Á tarde, con algunha nube asomando tímida, chegaba á Eira do Ferrador, en Xalo, o mestre Carlos Blanco. Xunto con Tone Martínez, Xosé Leis e Touriñán, falaron da infancia e dos recordos daqueles tempos en que eran novos cos veciños e veciñas que se achegaron ao alpendre do Ferrador que, como ben matizou Touri, era quen ferraba os animais, o ferreiro facía os portalóns. A veciñanza compartiu as súas peripecias na escola, nos bailes e tamén alguha que outra falcatruada que mellor non reproducimos aquí.
Russ puxo o baile mentres ía caendo a noite para poder ver na gran pantalla instalada na eira ‘Nena’, curtametraxe escrita por Touriñán, dirixida xunto con Jairo Iglesias, e con David Perdomo, Carlos Blanco, Antía Touriñán e o propio Touri como protagonistas. O photocall daba xa pista de que a estrea ía ser unha noite especial pero non sabiamos que ía chegar ao nivel de emoción que tivemos. O público conectou desde o principio cunha historia tenra e cun humor moi noso e, ao final, o noso veciño Sase, regalounos unha canción para todas as nais que non están que nos encolleu o corazón a todos cantos alí estabamos.
Para pechar a xornada, Belém Tajes, autora da banda sonora do filme, ofreceu un concerto no que non faltaron os convites á festa de Arou, vila camariñá onde reside Belém e cuxa semana grande comezaba xustamente onte. Pero como non podemos estar nos dous sitios ao tempo, balimos e gozamos coa súa voz e a súa música que nos transportou a mil lugares nun mesmo tempo.
Pero na festa que lle deu a volta á festa non hai un respiro. Hoxe chega o turno de David Amor nos Contos de Castelo para falar das festas e a Galicia máxica, nesta ocasión, no Campo da Capela. Á noite trasladámonos á Polideportiva onde comezaremos con Russ para recibir logo ‘Corentena’, con Touriñán e Perdomo e, finalmente bailar todos xuntos coa Familia Caamagno.