Grandes músicos en pequeno formato

A música ten moita presenza no Castelo Conta. Unha das mellores formas de transmitir historias é mediante as cancións, a forza da música como contedor de memoria é enorme. Sábeno moitos músicos que traballan coa tradición, incorporando no seu repertorio novas formas e modos de transmitir melodías e cantares cuxa orixe, nalgúns casos, pérdese na historia.

Xabier Díaz, Susana Seivane e Belém Tajes son dos maiores expoñentes dese traballo coa tradición. Son grandes figuras da música tradicional, acostumadas aos grandes auditorios e a compartir con públicos amplos a súa música. No caso de Xabier, o ano pasado actuou na pasada edición do Castelo Conta coas Adufeiras de Salitre e Guadi Galego nunha ateigada polideportiva con máis de 1.200 persoas, onte encheu a praza de María Pita da Coruña no marco das festas da cidade. Este luns 21, o auditorio será máis pequeno en canto a capacidade, pero a Eira de López será o mellor dos escenarios sobre o que Xabier Díaz en solitario ofrecerá un concerto único co Xalo ao fondo.

O martes chega Susana Seivane a Castelo. En formato de trío o seu concerto será nos Petoutos, en Vilaverde. Un pequeno lugar onde a gaiteira traerá os seus ritmos e melodías adaptadas a un auditorio non convencional logo da actuación do contador Celso Sanmartín. E é que no Castelo Conta a música e as historias invaden todos os recunchos da parroquia. As casas, as eiras, o monte e os camiños convértense en puntos de encontro da tradición, do baile e da festa.

A Eira do Ferrador, en Xalo, acolle o mércores a estrea de Nena e, a continuación, Belém Tajes presentará as súas cancións ao público. A camariñá é a autora da banda sonora da curtametraxe que terá o seu pase máis especial no Castelo Conta.

Os tres espectáculos son de balde ata completar a capacidade dos espazos. Consulta a programación completa aquí.

X